Tuesday 14 de May de 2024

Recepción municipal á actriz Aurora Pita Alonso


A artista cubana, aínda que fenesa de nacemento, asinou no libro de honra do Concello

O Alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, recibiron no Concello a Aurora Pita Alonso, prestixiosa actriz cubana de teatro, cine, radio e televisión, nada en Perlío no ano 1936. No acto, ao que asistiron varios membros do Goberno Municipal, convidouse á artista fenesa a asinar no libro de honra do Concello.

Aurora Pita Alonso marchou de Fene coa súa familia a finais do ano 1936, fuxindo da Guerra Civil. Foi precisamente en Cuba, en La Habana, onde comezou a forxarse unha exitosa traxectoria persoal e profesional. Aurora Pita traballou como actriz na radio e na televisión cubanas. De feito, chegou a participar en once programas diarios de radio, especialmente nos xéneros de novela e aventuras. Tamén actuou en escenarios tan importantes coma o do Gran Teatro Nacional de Cuba ou os dos teatros das sociedades Rosalía de Castro e Artística Galega. E acadou importantes premios e recoñecementos coma o “Premio Nacional da Radio de Cuba” no ano 2008 ou o “Manuel Curros Enríquez”, galardón outorgado polo Centro Unión Ourensana de La Habana.